Ir o contido principal

Idiomas

  • Galego
  • Castellano
Inicio Xunta de Galicia

Idiomas

  • Galego
  • Castellano
  • A enciclopedia
    • Características
    • Abreviaturas
    • Créditos
  • Outros recursos
Xunta de Galicia
Buscando na EGU...

Díaz Castro, Xosé María

Escoitar
Díaz Castro, Xosé María
Monumento a Xosé María Díaz Castro, en Guitiriz
GALICIA
Advertisement

Tradutor e poeta. Entre 1931 e 1936 cursou estudios de latín e humanidades no seminario de Mondoñedo, onde fixo amizade con Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé Díaz Jácome. Comezou ademais estudios de teoloxía, que abandonou no segundo curso. Coa Guerra Civil abandonou o seminario para facer o servizo militar e, unha vez rematada a contenda, exerceu ata 1947 como profesor de ensino medio de latín e inglés no colexio León XIII de Vilagarcía de Arousa. En 1948, tras licenciarse en Filosofía e Letras na Universidad de Salamanca, trasladouse a Madrid, onde alternou os labores de docente cos de tradutor. En 1968 obtivo os diplomas de inglés e alemán no Instituto de Idiomas da facultade de Filosofía e Letras de Madrid, e inscribiuse na Asociación Española de Tradutores e Intérpretes, onde apareceu como un dos tradutores españois de maior número de linguas europeas (incluído o éuscaro). No ámbito da tradución destaca o labor que realizou para o ministerio de Gobernación, así como as súas colaboracións con varias editoriais, co Instituto de la Cultura Hispánica dende 1952, e, a partir de 1966, co Consejo Superior de Investigaciones Científicas como encargado do servizo de traducións do Instituto Juan de la Cierva de Investigación Científica y Técnica. Volveu a Galicia en 1984. Colaborou en publicacións como El Pensamiento Navarro, Lluvia de Rosas, Ínsula, El Progreso Villalbés, La Noche, Estafeta Literaria, Sonata Gallega, Alba, Amencer ou Dorna, nas que deu a coñecer poemas e ensaios. Nos Xogos Florais celebrados en Betanzos o 19 de agosto de 1946, acadou o primeiro premio de poesía en castelán por “El cántico de la ciudad” e o primeiro premio de poesía galega polos tres sonetos titulados “Nascida dun soño”, recuperados na Homenaxe que lle tributou a Asociación Xermolos en 1987. No seminario de Mondoñedo escribiu varios cadernos de poesía perdidos, como Follas verdes e Follas ao aire, e o único libro que deu ao prelo foi Nimbos (1961), composto por trinta e unha composicións de ton paisaxístico e relixioso centradas na vida, o tempo e a morte. Nel inclúe o poema “Penélope”, que reflicte o forte arraigo á súa terra a través duns versos que ofrecen unha definición de Galicia audaz e profunda. Compuxo poemas en francés e alemán, e traduciu poetas e prosistas europeos como Lamartine, Rimbaud, Valéry, Claudel, Chesterton, Yeats, T. S. Eliot, Walt Whitman, Rilke ou Schiller. Encargouse tamén de traducir ao inglés a Lorca e Alberti. Entre todas as súas traducións destacan as realizadas ao castelán para a Editorial Aguilar dende o danés e o sueco, como Obras escogidas (1956), de Johannes Jensen, e Obras escogidas (1957), de Pontoppidan.

Cronoloxía

  • 19/ 2/ 1914

    Nacemento

    Lugar : Parga, Guitiriz
    Advertisement

  • 2/ 10/ 1990

    Deceso

    Lugar : Lugo
    Advertisement

Consultar outras fontes

  • Digalego
  • Galipedia
  • Trovator

Traducir a entrada con Gaio

TraducirTraducir

Buscas anteriores

FEDER
Xunta de Galicia

© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal

Turismo de Galicia