Saltar ao contido

Béisbol

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Campo de béisbol visto desde a segunda base

O béisbol[1] (do inglés baseball; de base, e ball, 'pelota'), tamén chamado baseball ou xogo de pelota, é un deporte de equipo xogado por dous equipos de nove xogadores cada un que se alternan bateando e defendendo. O xogo desenvólvese ao longo de varias xogadas, cada unha das cales comeza cando un xogador do equipo defensor, denominado lanzador, lanza coa man unha pelota que un xogador do equipo bateador, chamado bateador, tenta golpear cun bate. O obxectivo do equipo ofensivo (equipo bateador) é golpear a pelota cara ao campo de xogo, lonxe dos xogadores do outro equipo, permitindo que os seus xogadores corran polas bases, avanzando en sentido contrario ás agullas do reloxo ao redor de catro bases para anotar o que se denomina "carreiras". O obxectivo do equipo defensivo (denominado equipo de campo) é impedir que os bateadores se convertan en corredores e así evitar que os corredores avancen polas bases.[2] Anótase unha carreira cando un corredor avanza legalmente polas bases en orde e toca a placa de inicio (o lugar desde onde o xogador comezou como bateador).

O obxectivo inicial do equipo bateador é que un xogador chegue á primeira base a salvo; isto ocorre cando o bateador golpea a pelota e chega á primeira base antes de que un opoñente recupere a pelota e toque a base, ou cando o lanzador persiste en lanzar a pelota fóra do alcance do bateador. Os xogadores do equipo bateador que chegan á primeira base sen ser declarados «out» poden tentar avanzar ás bases seguintes como corredores, xa sexa inmediatamente ou durante as quendas de bateo dos seus compañeiros. O equipo defensor tenta evitar as carreiras utilizando a pelota para eliminar aos bateadores ou corredores, o que lles obriga a saír do campo de xogo. O lanzador pode eliminar ao bateador lanzando tres lanzamentos que resulten en strikes, mentres que os defensores poden eliminar ao bateador atrapando unha bóla bateada antes de que toque o solo, e poden eliminar a un corredor tocándoo coa bóla mentres o corredor non está a tocar unha base.

Os equipos rivais turnanse entre batear e defender; a quenda de bateo do equipo bateador termina cando o equipo defensor consegue tres outs. Unha quenda de bateo de cada equipo constitúe unha entrada. Un partido adoita constar de nove entradas, e o equipo con maior número de carreiras ao final da partido gana. A maioría dos partidos terminan despois da novena entrada, pero se o marcador está empatado nese momento, adóitanse xogar entradas extra. O béisbol non ten reloxo, aínda que algunhas competicións contan con normas de ritmo de xogo como o temporizador de lanzamento para acurtar a duración do partido.

O béisbol evolucionou a partir de antigos xogos de bate e pelota que xa se practicaban en Inglaterra a mediados do século XVIII. Este xogo foi levado polos inmigrantes a Norteamérica, onde se desenvolveu a versión moderna. As orixes estadounidenses do béisbol, así como a súa reputación como fonte de distracción durante momentos difíciles da historia dos Estados Unidos, como a guerra civil estadounidense e a Gran Depresión, levaron a este deporte a recibir o sobrenome de "pasatempo nacional dos Estados Unidos"; desde finais do século XIX, foi recoñecido extraoficialmente como o deporte nacional dos Estados Unidos, aínda que na actualidade considérase menos popular que outros deportes, como o fútbol americano. Ademais de en Norteamérica, o béisbol estendeuse polo resto de América e Asia-Pacífico nos séculos XIX e XX.[3] e actualmente considérase o deporte máis popular nalgunhas zonas de Centroamérica e América do Sur, o Caribe e Asia Oriental, especialmente no Xapón, Corea do Sur e Taiwan.

Na Major League Baseball (MLB), o nivel máis alto do béisbol profesional nos Estados Unidos e Canadá, os equipos divídense na National League (NL) e na American League (AL), cada unha con tres divisións: Leste, Oeste e Central. O campión da MLB determínase mediante playoffs que culminan na World Series. O nivel máis alto de xogo divídese de maneira similar no Xapón entre as ligas Central e a do Pacífico, e en Cuba entre a Liga Occidental e a liga Oriental. O Clásico Mundial de Béisbol, organizado pola Confederación Mundial de Béisbol e Softbol, é a principal competición internacional deste deporte e atrae ás mellores seleccións nacionais de todo o mundo. O béisbol xogouse nos Xogos Olímpicos desde 1992 até 2008, e foi restablecido de forma puntual en 2020.

En 1846 xogouse o primeiro partido oficial.

Procede dun grupo de xogos similares á billarda de longa traxectoria. De feito nunha das miniaturas das Cantigas de Afonso X aparecen varias persoas xogando a algo semellante. Pola posición dos homes, o xogo amosado é moito máis parecido ao béisbol que ao crícket ou a billarda.

Regras e xogo

[editar | editar a fonte]

Visión xeral

[editar | editar a fonte]
Vista xeral dun diamante desde as bancadas do xardín esquerdo dun estadio.

Un partido de béisbol xógase entre dous equipos, cada un composto por nove xogadores, que se turnan para xogar á ofensiva (batear e correr as bases) e á defensiva (lanzar e fildear). Un par de quendas, un ao bate e outro no campo, por cada equipo constitúe unha entrada (inning) . Un partido consta de nove entradas (sete entradas, no béisbol de instituto e nos de dobre entrada na universidade, nas ligas menores de béisbol e, desde a tempada 2020, na Major League Baseball; e seis entradas na liga infantil).[4] Un equipo, normalmente o visitante, batea na primeira metade de cada entrada. O outro equipo, normalmente o local, batea na segunda metade de cada entrada.

O obxectivo do xogo é anotar máis puntos (carreiras) que o outro equipo. Os xogadores do equipo que lle toca batear tentan anotar carreiras tocando as catro bases, en orde, situadas nas esquinas do campo de béisbol (diamante), de forma cadrada. Unha xogador batea no home e debe tentar chegar a unha base antes de continuar, en sentido antihorario, desde a primeira base, á segunda base, á terceira base e de volta á base home para anotar unha carreira. O equipo no campo tenta evitar que se anoten carreiras rexistrando outs, que eliminan aos xogadores contrarios da acción ofensiva ata que lles volve a tocar batear. Cando se rexistran tres outs, os equipos cambian de roles para a seguinte metade da entrada. Se o marcador do partido está empatado despois de nove entradas, xóganse entradas extra para resolver a contenda. Moitos partidos de afeccionados, especialmente os non organizados, contan cun número diferente de xogadores e entradas.[5]

Neste diagrama, o outfield (campo externo) móstrase en verde e o infield (campo interior) en marrón
Diagrama dun campo de béisbol "Diamante" pode referirse á área cadrada definida polas catro bases ou a todo o campo de xogo. As dimensións indicadas son para partidos profesionais e de estilo profesional. Os nenos adoitan xogar en campos máis pequenos.

O xogo xógase nun campo cuxas liñas principais, as liñas de foul, esténdense cara a adiante desde a base "home" en ángulos de 45 graos. A área de 90 graos dentro das liñas de foul denomínase territorio fair; a área de 270 graos fóra delas é territorio foul. A parte do campo delimitada polas bases e varios metros máis aló delas é o infield (campo interior); a área máis aló do infield é o outfield (campo exterior). No centro do infield hai un montículo elevado para o lanzador, cunha placa rectangular de goma (the rubber) no centro. O límite exterior do outfield adoita estar delimitado por un valo elevado, que pode ser de calquera material e altura. O territorio de falta entre a base "home" e o límite do outfield é o campo de xogo do béisbol, aínda que tamén poden ter lugar acontecementos importantes no territorio de falta.[6] Ten unha forma cuadrangular lixeiramente arredondada na zona das bases, polo que se lle chama moitas veces diamante, pois lembra lixeiramenta a talla dun brillante.

Segundo as normas, debe ser un cadrado de 27,43 metros de lado. Nun dos vértices do cadrado sitúase o "home" (fogar), lugar onde se sitúa o bateador e que vén marcado no chan por un elemento de caucho de forma pentagonal, que lembra a silueta dunha casa.

Nos outros vértices arredondados e de xeito equidistante sitúanse as tres bases, tamén marcadas no chan por uns cadrados de material sólido. As bases ordénanse comezando pola que está á dereita do home segundo se mira para a posición do lanzador, resultando así primeira, segunda e terceira bases. Desde o home e ata a primeira e terceira bases parten unha liñas, chamadas liñas de foul, que se prolongan máis alá da zona das bases e que marca a zona válida de bateo.

Aproximadamente no centro do cadrado, a 18,44 metros do home, atópase a zona do lanzador, que estará elevada 25,40 cm sobre o nivel do resto do campo e terá a superficie e a caída suficiente como para permitir as manobras do lanzador. tamén vén marcada por un elemento de caucho.

Hai que engadir que o campo esténdese uns 100 metros máis alá das bases, seguindo as liñas de foul marcando unha ampla zona onde sempre é posible lanzar, interceptar e xogar a bóla.

Ferramentas

[editar | editar a fonte]

Hai tres ferramentas básicas no béisbol: a pelota, o bate e a luva ou manopla:

Pelota
Unha pelota de béisbol moi usada.
  • A pelota de béisbol ten aproximadamente o tamaño do puño dun adulto.

O regulamento defínea así:

A pelota será unha esfera formada por un fío enrolado arredor dun pequeno centro de cortiza, goma ou material similar, cuberta por dúas tiras de coiro de cabalo branco ou coiro de vaca, firmemente cosidas entre si. Non pesará menos de cinco onzas (141,75 gr) nin máis de 5¼ onzas (148,84 gr), e non medirá menos de 9 polgadas (22,86 cm) nin máis de 9¼ polgadas (23,495 cm) de circunferencia.[7]

[8]

Debido ao peso e á velocidade que pode chegar a acadar a pelota (as bólas poden producir lesións e mancaduras incluso graves) é obrigatorio o uso de certas medidas de protección:

  • Cascos con orelleiras para bateadores e recollepelotas.
  • Petos con recheo e máscaras que protexan a cara para receptor e árbitro.

Ademais, en ligas infantís ou de afeccionados pódense usar bólas feitas doutros materiais que poden facer perder emoción e velocidade ao xogo pero que non resultan tan perigosas en caso de impacto con alguén.

O bate
Catro bates de béisbol de importancia histórica exhíbense na exposición itinerante do Salón Nacional da Fama do Béisbol
  • O elemento (bate) co que se golpea a pelota debe cumpriir cunhas dimensións que o regulamaneto define así:
O bate será unha peza de madeira lisa e redonda de non máis de 2,61 polgadas (6,6 cm) de diámetro na súa parte máis grosa e non máis de 42 polgadas (106,68 cm) de longo. O bate será unha peza de madeira sólida (non se permiten feitos de laminado).

Bates baleirados. Está permitida unha fenda ao final do bate de ata 1 ¼ polgadas (3,18 cm) de profundidade e non máis ancha de 2 polgadas (5,08 cm) nin menos de 1 polgada (2,54 cm) de diámetro. A fenda será curvada e non se pode agregar ningunha substancia estraña.

O mango do bate pode ser cuberto ou protexido con calquera material ou substancia para mellorar o agarre, a unha distancia non maior a 18 polgadas (45,7 cm) desde o seu extremo.[9]

Noutras ligas si se permiten bates de aluminio. En calquera caso, nótese que nada se di de medidas mínimas, co que cada xogador, segundo as súas preferencias ou características de seu pode escoller o bate que mellor lle acaia.

Agora úsanse outros materiais para xogos non profesionais. É un pau redondo e duro, duns 6,4 centímetros de diámetro no extremo de golpeo, que se estreita ata un mango máis estreito e culmina nun pomo. Os bates usados ​​polos adultos adoitan ter uns 86 centímetros de longo e non superan os 110 centímetros.[10]

A luva
Anverso e reverso dunha luva normal de béisbol

Cada xogador do equipo que defende leva unha luva de coiro acolchado cunha rede entre os dedos que permite recoller a pelota. A luva é meirande que a man e leva uns reforzos e acolchados na zona de recepción da pelota, que corresponde coa palma da man. Como axuda para atrapar e suxeitar a pelota, adopta diversas formas para satisfacer as necesidades específicas das diferentes posicións no campo.[11]

O tamaño permite alcanzar bólas que poderían escaparse cunha luva máis pequena e os reforzos defenden a man dos impactos da bóla, que poden chegar a ser moi fortes.

Os xogadores visten unha soa luva, na man contraria á dominante, así, un xogador destro levará a luva na man esquerda, para deixar o membro dominante libre para realizar lanzamentos máis potentes e precisos. Nalgúns casos, por exemplo se a bóla vén con moita velocidade, poden axudarse coa outra man, colocándoa detrás da man da luva, para facer a recollida.

Ademais da luva normal dos xogadores de campo, os xogadores que participan no lanzamento poden levar unhas luvas adaptadas ao seu posto:

  • O lanzador pode levar unha luva máis pequena e lixeira que a normal, posto que normalmente só recibe pases das bólas que vai lanzar e poucas veces terá que interceptar unha bóla rápida. Ademais, unha luva máis pequena déixao máis libre para centrarse no lanzamento.
  • O receptor acostuma levar unha luva con máis recheo que a normal, que protexe mellor a man, pois vai recibir moitos lanzamentos, os máis deles con moita velocidade.
O casco

Os cascos protectores tamén son equipamento estándar para todos os bateadores.[12]

Partido do Campionato Mundial de Béisbol Clásico de 2013 entre a selección nacional de béisbol da República Dominicana e a selección nacional de béisbol de Porto Rico, celebrado o 20 de marzo de 2013.

Os equipos

[editar | editar a fonte]

Está formados por nove xogadores (máis os reservas), que se alternan bateando e defendendo. Na defensa as posición son:

  • Lanzador (pitcher), unha das figuras máis valoradas do equipo. Require potencia de lanzamento e puntería.
  • Receptor (catcher), o encargado de recoller os lanzamentos, require de axilidade e bos reflexos.
  • Primeira base
  • Segunda base
  • Terceira base
  • Parador en curto (shortstop, xogador que se atopa entre terceira e segunda bases)
  • Exterior dereito
  • Exterior central
  • Exterior esquerdo

Unha característica típica do beísbol consiste en que, na posición defensiva, como acabamos de ver, todos os xogadores teñen un posto e unha función fixas. Pero cando están en posición atacante, todos exercen as mesmas funcións de bateadores e corredores.

No ataque deben intervir todos eles bateando, pero pode existir un "bateador designado" (xogador especial que ás veces substitúe o lanzador na súa quenda de bateo). O terreo de xogo, ten como parte primordial un cadrado denominado "cadro", e colocado sobre unha das súas esquina está a meta, chamada en inglés "home", que é o lugar onde se batea.

Basicamente trátase de golpear a bóla o máis forte ou colocada posible, aínda que nalgunhas xogadas faise un toque suave, chamado "toque de sacrificio" que ten como obxectivo facer que bateadores anteriores que alcanzaran algunha base adianten posicións.

Obxectivo

[editar | editar a fonte]

O obxectivo deste deporte é conseguir máis carreiras có rival. Conséguese unha carreira cando un corredor pisa en orde e sen ser eliminado, nunha ou máis xogadas, a 1ª base, a 2ª base, a 3ª base e a base de home.

O desenvolvemento do partido

[editar | editar a fonte]

Un partido de béisbol non ten nin tempo (coma no fútbol), nin puntuación (caso do tenis) definidas. Consta de nove entradas e remata ao completarse estas, excepto que sexa necesario un desempate ou haxa tal diferenza de puntuación que non sexa necesario completar a derradeira entrada.

Unha entrada componse dunha quenda de bateo e unha quenda de defensa para cada equipo.

O equipo local é o que comeza sempre en posición defensiva, deixando a posición de bateo ao visitante. O equipo na defensa coloca os seus xogadores no campo. O equipo atacante vai pasando polo caixón de bateo para intentar golpear a pelota lanzada polo pitcher e chegar á base sen ser eliminado. Cando o equipo defensor consegue eliminar tres atacantes, pasa a ser atacante. Cando pasan os dous equipos polo ataque remata unha "entrada".

Deste xeito, o equipo defensor comeza cos seus nove xogadores no campo, namentres que o atacante comeza cun só xogador e pode chegar a ter como máximo 4 xogadores: un bateador e os outros tres en cadansúa base. Pola contra, o equipo atacante é o único que pode puntuar, o que defende só pode intentar evitalo.

No béisbol o lanzador intenta enviar a bóla a un compañeiro, que é o receptor, situado detrás do batedor, intentando que este non intercepte o lanzamento. Mentres que o bateador intenta, ben golpeando a pelota ou grazas aos erros do lanzador e receptor contrarios, saír do home e comezar a avanzar polas bases para completar unha carreira ou facilitar que compañeiros seus que xa están en bases, rematen as súas carreiras.

O lanzamento

[editar | editar a fonte]
O xogador Craig Kimbrel dos Atlanta Braves.

Cada lanzamento supón unha puntuación para o equipo atacante ou defensor que facilita ou dificulta a consecución dunha carreira. Se a puntuación favorece ao equipo defensor chámase strike e tres strikes supoñen a eliminación do bateador. Se a puntuación favorece o equipo atacante, chámase bóla e tres bólas supoñen que o bateador pasa a primeira base.

O strike pode conseguirse por:

  • O lanzador fai un lanzamento correcto que non é bateado. Un lanzamento correcto implica que se cumpran tres condicións:
    • Que a bóla pase pola vertical do home.
    • Que pase a unha altura non superior á axila do bateador, nin inferior aos seus xeonllos (esta é unha das razóns polas que os bateadores tenden a agacharse, para reducir o espazo de lanzamento correcto).
    • Que sexa recollida polo receptor.
  • O bateador intenta batear o lanzamento, sexa correcto ou non, e non o consegue.

A bóla é calquera lanzamento incorrecto, segundo acabamos de dicir, sempre que o bateador non intente respondelo.

Se a bóla lanzada golpea o corpo do bateador, este pasa automaticamente a primeira base, igual que se se acumulan tres bólas. Nestes casos, se a primeira base está ocupada, o xogador correspondente pasa á segunda base, se nesta volve suceder o mesmo, ocúpase tamén a terceira. Se todas as bases estivesen ocupadas no intre dunha tripla bóla, o equipo atacante faría unha carreira por simple acumulación de xogadores nas bases.

Se o bateador golpeou a pelota, debe saír correndo cara á primeira base, neste caso pódese eliminar de varias maneiras: collendo a pelota bateada antes de que toque o chan, ou ben tocando a primeira base tendo a pelota antes de que esta sexa pisada polo batedor ou tocando un defensa ao batedor coa pelota cando este intenta chegar á primeira base.

En Galicia

[editar | editar a fonte]

Hoxe en Galicia o béisbol conta con federación propia desde 1989, cando foi creada por varios colectivos, liderados por Ernesto Pérez da Sociedade Palaestra e Eduardo Pérez da Asociación Hercle. Un problema na difusión deste deporte é a falta de campos de xogo propios. O béisbol conta cunha instalación exclusiva en Galicia; o campo de Acea da Ama. O campo de béisbol ten unha forma aproximada a un cuarto de círculo ou un diamante.

En Galicia o seu auxe débese en boa parte aos emigrantes retornados, especialmente de Venezuela e Cuba. En 1944 fúndase a Federación Española de Béisbol e en 1955 a selección española queda campioa de Europa. En 1992, nos Xogos Olímpicos de Barcelona, o béisbol é por primeira vez deporte olímpico.

Lanzamento

Equipos galegos de béisbol

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para béisbol.
  2. "Official Baseball Rules" (PDF) (2019 ed.). Major League Baseball. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2 de maio de 2019. Consultado o 30 de maio do 2025. 
  3. Bjarkman, Peter C. (2006-09-01). "American Baseball Imperialism, Clashing National Cultures, and the Future of Samurai Besuboru". Studies on Asia (en inglés) 3 (3). pp. 123–140. O béisbol de liga formal prosperou durante moito tempo no ámbito amateur e profesional en todo o mundo, especialmente na conca do Caribe e ao longo da costa asiática do Pacífico. A súa historia nesas rexións é tan antiga e arraigada como no continente norteamericano.." 
  4. League, Little. "Rules, Regulations, and Policies – Little League". Little League (en inglés). Consultado o 31 de maio do 2025. 
  5. Thurston (2000), p. 15; "Official Rules/Foreword". Major League Baseball. Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2009. Consultado o 31 de maio do 2025.  "Official Rules/1.00—Objectives of the Game (Rules 1.01–1.03)" (PDF). Major League Baseball. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de febreiro de 2009. Consultado o 31 de maio do 2025.  "Official Rules/2.00—Definitions of Terms" (PDF). Major League Baseball. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de febreiro de 2009. Consultado o 31 de maio do 2025.  "Official Rules/4.00—Starting and Ending a Game (Rule 4.10)" (PDF). Major League Baseball. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de febreiro de 2009. Consultado o 31 de maio do 2025. 
  6. "Official Rules/1.00—Objectives of the Game (Rules 1.04–1.07)" (PDF). Major League Baseball. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de febreiro de 2009. Consultado o 31 de maio do 2025.  "Official Rules/2.00—Definitions of Terms" (PDF). Major League Baseball. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de febreiro de 2009. Consultado o 31 de maio do 2025. 
  7. Regulamento, pax. 5 (nótese como as medidas orixinais son en onzas ou polgadas, como corresponde a un deporte de orixe estadounidense)
  8. Porterfield (2007), p. 23; "Official Rules/1.00—Objectives of the Game (Rule 1.09)" (PDF). Major League Baseball. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de febreiro de 2009. Consultado o 31 de maio do 2025. 
  9. Regulamento, pax. 5
  10. "Official Rules/1.00—Objectives of the Game (Rule 1.10a)" (PDF). Major League Baseball. Arquivado dende bate é unha ferramenta de golpeo, tradicionalmente feita dunha soa peza de madeira sólida. Agora úsanse outros materiais para xogos non profesionais. É un pau redondo e duro, duns 6,4 centímetros de diámetro no extremo de golpeo, que se estreita ata un mango máis estreito e culmina nun pomo. Os bates usados ​​polos adultos adoitan ter uns 86 centímetros de longo e non superan os 110 centímetros.cial_rules/01_objectives_of_the_game.pdf o orixinal |url= incorrecto (Axuda) (PDF) o 5 de febreiro de 2009. Consultado o 31 de maio do 2025.  Carácter espazo nulo en |url= na posición 355 (Axuda) Fitzgerald, Stephen; et al. (8 de novembro de 2005). "Polymer Composite Baseball Bat Endcap (U.S. Patent Application 20050176531)". FreePatentsOnline.com. Consultado o 31 de maio do 2025. 
  11. "Official Rules/1.00—Objectives of the Game (Rules 1.12–1.15)" (PDF). Major League Baseball. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de febreiro de 2009. Consultado o 31 de maio do 2025. 
  12. Thurston (2000), pp. 21, 30, 31; "Official Rules/1.00—Objectives of the Game (Rule 1.16)" (PDF). Major League Baseball. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 5 de febreiro de 2009. Consultado o 31 de maio do 2025. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Real Federación Española de Béisbol y Sófbol, ed. (2013). Reglas oficiales de béisbol. p. 79. 

  • Dickson, Paul. The Dickson Baseball Dictionary, 3rd ed. (W. W. Norton, 2009). ISBN 0-393-06681-9.
  • Fitts, Robert K. Remembering Japanese Baseball: An Oral History of the Game (Southern Illinois University Press, 2005). ISBN 0-8093-2629-9.
  • Gillette, Gary, and Pete Palmer (eds.). The ESPN Baseball Encyclopedia, 5th ed. (Sterling, 2008). ISBN 1-4027-6051-5.
  • Peterson, Robert. Only the Ball Was White: A History of Legendary Black Players and All-Black Professional Teams (Oxford University Press, 1992 [1970]). ISBN 0-19-507637-0.
  • Reaves, Joseph A. Taking in a Game: A History of Baseball in Asia (Bison, 2004). ISBN 0-8032-3943-2.
  • Ward, Geoffrey C., and Ken Burns. Baseball: An Illustrated History (Alfred A. Knopf, 1996). ISBN 0-679-40459-7.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Federación Galega de Béisbol (en castelán)