New Shepard
New Shepard | |
---|---|
![]() | |
Función | Lanzador espacial suborbital |
país de orixe | Estados Unidos[1] |
Tamaño | |
altura | 19,2 m[1] |
diámetro | 3,8 m[1] |
masa | 75.000 kg[1] |
Etapas | 1[1] |
Lanzamento históricos | |
Estado | Activo[1] |
Sitios | Corn Ranch[1] |
Total de lanzamentos | 29[1] |
Voo inaugural | 29 de abril de 2015[1] |
Último voo | 4 de febreiro de 2025[1] |
Primeira etapa – Primeira etapa[1] | |
impulsado por | 1 BE-3PM[1] |
potencia máxima | 490 kN[1] |
propelente | Hidróxeno líquido / Osíxeno líquido[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |

New Shepard é un vehículo espacial suborbital totalmente reutilizable desenvolvido para turismo espacial por Blue Origin. O vehículo foi nomeado en honor a Alan Shepard, o primeiro astronauta estadounidense e quinta persoa en camiñar sobre a Lúa. É capaz de engalar e aterrar verticalmente e pode levar a persoas e carga seguindo unha traxectoria suborbital.

O New Shepard está formado por un foguete lanzador e unha cápsula para tripulación e carga. A cápsula pode configurarse para acomodar ata a seis pasaxeiros, carga ou unha combinación de ambos. O foguete está propulsado por un motor BE-3PM capaz de enviar a cápsula por enriba da liña de Kármán, onde pasaxeiros e carga poden experimentar a microgravidade durante uns minutos antes do regreso á Terra.

O vehículo está deseñado para ser completamente reutilizable, coa cápsula volvendo a terra mediante tres paracaídas e un foguete de propelente sólido. O foguete aterra verticalmente nunha plataforma 3,2 km ao norte da rampla de lanzamento. O vehículo de lanzamento ten unha lonxitude de 19,2 m, un diámetro de 3,8 m e unha masa ao lanzamento de 75 000 kg. O motor BE-3PM produce 490 kN de pulo na engalaxe.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]O primeiro vehículo de probas do programa de desenvolvemento do New Shepard foi un vehículo de demostración a subescala denominado Goddard construído en 2006, despois dos primeiros esforzos de Blue Origin en desenvolver motores foguete. Goddard foi ensamblado nas instalacións de Blue Origin en Kent, Washington, e fixo o seu primeiro voo o 13 de novembro de 2006.[3] Había programado un segundo voo para o 2 de decembro, pero nunca tivo lugar.
Segundo os rexistros da Administración Federal de Aviación (FAA), Goddard fixo outros dous voos. Blue Engine 1, ou BE-1, foi o primeiro motor desenvolvido por Blue Origin, sendo usado no Goddard. Para o New Sheppard necesitábase tamén unha cápsula, comezándose o seu deseño a principios dos anos 2000. O 19 de outubro de 2012, Blue Origin levou a cabo unha proba exitosa de simulación de escape dunha cápsula suborbital a tamaño real no seu sitio de lanzamento no oeste de Texas. A cápsula chegou a unha altura de 703 m baixo control propulsado antes de descender de maneira segura en paracaídas e facer unha aterraxe suave a 500 m do sitio de lanzamento.[4][5]
En abril de 2015 Blue Origin anunciou que completaran as probas de aceptación do motor BE-3PM que propulsaría o New Shepard. Tamén anunciou que tiñan a intención de comezar os voos de proba do New Shepard a finais de 2015 cunha frecuencia de ata un voo por mes cunha "serie de ducias de voos durante toda a extensión do programa de probas de voos suborbitais cunha duración dun par de anos".[6] O mesmo mes a FAA anunciou que a documentación reguladora para o programa de voos xa fora arquivada e aprobada e que se esperaba que os voos de proba comezaran antes de mediados de maio de 2015.[7] En febreiro de 2016 tíñanse construídos tres vehículos New Shepard, o primeiro perdéndose nunha proba en abril de 2015, o segundo tendo voado dúas veces e o terceiro sendo completado na fábrica de Kent, Washington. En 2016 o equipo de Blue Origin foi galardoado co Trofeo Collier por demostrar a reusabilidade dun foguete co New Shepard.[8]
En xullo de 2021 a compañía completou con éxito a súa primeira misión tripulada, a Blue Origin NS-16, con Jezz Bezos, o seu irmán Mark Bezos, Wally Funk e Oliver Daemen a bordo. O voo durou aproximadamente 10 minutos e cruzou a liña Kármán. En posteriores misións voaron turistas e celebridades como William Shatner. En xuño de 2022 cada pasaxe tiña un prezo de 50 millóns de dólares. A segunda e terceira misións tripuladas leváronse a cabo en outubro e decembro de 2021 e a cuarta en marzo de 2022, coa quinta completándose en xuño de 2022 e a sexta en agosto dese mesmo ano. En setembro un voo non tripulado experimentou un problema no seu motor BE-3PM, activándose o sistema de escape e lanzando a cápsula cos experimentos a bordo, que aterrou sen problemas. A investigación desvelou que o fallo foi producido por un fallo térmico-estrutural da tobeira do motor, causando un desaliñamento do vector de propulsión que activou o sistema de escape. Os lanzamentos retomáronse coa misión Blue Origin NS-24 o 19 de decembro de 2023.
Vehículos New Shepard
[editar | editar a fonte]
Módulos de propulsión New Shepard
[editar | editar a fonte]Ata 2024 había cinco módulos de propulsión construídos, denominados NS1, NS2, NS3, NS4 e NS5.
New Shepard 1
[editar | editar a fonte]O primeiro voo dun New Shepard a escala completa foi o de NS1[9], tamén nomeado como "Tail 1"[10], e foi levado a cabo o 29 de abril de 2015, chegando a 93,5 km de altura. Aínda que o voo se considerou un éxito e a cápsula se recuperou con éxito despois da súa aterraxe con paracaídas, o foguete estrelouse contra o solo debido ao fallo da presión hidráulica no sistema de control durante o descenso.[11][12] A cápsula foi bautizada como Jules Verne.
New Shepard 2
[editar | editar a fonte]O New Shepard 2 (NS2), coñecido tamén como "Tail 2"[10], fixo cinco voos exitosos entre 2015 e 2016, sendo retirado despois do quinto voo, en outubro de 2016.
New Shepard 3
[editar | editar a fonte]O New Shepard 3 (NS3), coñecido tamén como "Tail 3"[10], xunto coa cápsula RSS H. G. Wells,[13], foi modificado para permitir unha maior reutilización e ter unha mellor protección térmica, incluíndo un módulo de propulsión redeseñado e novos paneis de acceso para un servizo máis rápido. Foi completado e enviado ao sitio de lanzamento en setembro de 2017,[14] aínda que algunhas das súas partes foran construídas xa en marzo de 2016[9]. Os voos de proba comezaron en 2017 e continuaron ata 2019.[15] A nova cápsula tripulada, dotada de ventás, foi integrada co NS3[14], aínda que este so foi pensado para usar en voos de carga, non tripulados.
O voo de proba inicial tivo lugar o 12 de decembro de 2017[16], sendo o primeiro voo baixo un réxime regulado mediante unha licenza de lanzamento proporcionado pola FAA. Os voos anteriores foron lanzados baixo un permiso experimental, que non permitía a Blue Origin usar carga comercial. Isto converteu a NS3 no primeiro voo con carga a bordo pola que se pagou, levando 12 experimentos, así como unha manequín de probas.[17]
Desde o voo inicial, "Blue Origin fíxolle varias actualizacións ao vehículo... principalmente para mellorar a operabilidade en lugar da eficiencia ou a fiabilidade. Estas actualizacións levaron máis tempo do esperado", causando un baleiro de varios meses entre voos de proba.[15] O segundo voo de proba tivo lugar o 29 de abril de 2018.[18] O décimo voo do programa New Shepard e o cuarto do NS3 foi planificado orixinalmente para decembro de 2018, pero foi atrasado debido a problemas coa infraestrutura de terra. Despois dun diagnóstico do problema inicial, Blue Origin replanificou o lanzamento para principios de 2019, tras descubrir que outros sistemas necesitaban reparacións adicionais.[19] O voo engalou o 23 de xaneiro de 2019 e chegou ao espazo, a unha altura máxima de 106,9 km.[20] Foi usado para probar SPLICE (Safe and Precise Landing – Integrated Capabilities Evolution), un demostrador tecnolóxico para aterraxes lunares da NASA, en dous voos separados, en outubro de 2020 (NS-13) e agosto de 2021 (NS-17).[21]
O foguete New Shepard 3 foi destruído durante a misión NS-23, o noveno voo do vehículo, ao impactar contra o solo o 12 de setembro de 2022 tras unha anomalía do motor que levou á activación do sistema de escape. A cápsula sen tripular aterrou con éxito mediante paracaídas.[22]
New Shepard 4
[editar | editar a fonte]O New Shepard 4 (NS4), coñecido tamén como "Tail 4"[10], que voa coa cápsula RSS First Step, é o cuarto módulo de propulsión construído e o primeiro en levar pasaxeiros humanos, sendo o propio Bezos un deles.[23] O vehículo foi construído en 2018 e levado ás instalacións de lanzamento de Blue Origin en Texas Oeste en decembro de 2019.[24] O voo inaugural non tripulado tivo lugar o 13 de xaneiro de 2021.[25] NS4 foi lanzada con éxito o 20 de xullo de 2021 con catro pasaxeiros a bordo, Bezos incluído. No voo do 13 de outubro de 2021 voaron outros catro pasaxeiros a bordo, entre eles William Shatner.[26] O 11 de decembro de 2021 foi lanzada na misión NS-19, levando por primeira vez a seis pasaxeiros, o máximo para o que foi deseñado. En outubro de 2024, o Museo Nacional do Aire e do Espazo anunciou que Blue Origin donara a NS4 para ser exposta no museo.[27]
New Shepard 5
[editar | editar a fonte]O New Shepard 5 (NS5), que voa coa cápsula RSS Kármán Line, é o segundo módulo de propulsión de Blue Origin certificado para ser tripulado. Foi construído debido á maior demanda de voos de New Shepard e engalou por primeira vez, sen tripulación, o 23 de outubro de 2024 tras dous intentos abortados, o 7 e o 13 de outubro.[28][29]
Historial de lanzamentos
[editar | editar a fonte]Voo | Data | Vehículo | Apoxeo | Resultado | Notas |
---|---|---|---|---|---|
0 | 19 de outubro de 2012 | N/A, RSS Jules Verne | 0,7 km | Éxito | Proba de aborto da cápsula na rampla de lanzamento |
1 | 29 de abril de 2015 | NS1, RSS Jules Verne | 93,5 km | Éxito parcial | Foguete destruído na aterraxe, cápsula recuperada. |
2 | 23 de novembro de 2015 | NS2, RSS Jules Verne | 100,5 km | Éxito | |
3 | 22 de xaneiro de 2016 | NS2, RSS Jules Verne | 101,6 km | Éxito | |
4 | 2 de abril de 2016 | NS2, RSS Jules Verne | 103,3 km | Éxito | |
5 | 19 de xuño de 2016 | NS2, RSS Jules Verne | 101,0 km | Éxito | |
6 | 5 de outubro de 2016 | NS2, RSS Jules Verne | 100,5 km | Éxito | Quinto e último voo do NS2. |
7 | 12 de decembro de 2017 | NS3, RSS H. G. Wells | 98,2 km | Éxito | |
8 | 29 de abril de 2018 | NS3, RSS H. G. Wells | 107 km | Éxito | |
9 | 18 de xullo de 2018 | NS3, RSS H. G. Wells | 118,8 km | Éxito | |
10 | 23 de xaneiro de 2019 | NS3, RSS H. G. Wells | 106,9 km | Éxito | |
11 | 2 de maio de 2019 | NS3, RSS H. G. Wells | 105,0 km | Éxito | |
12 | 11 de decembro de 2019 | NS3, RSS H. G. Wells | 104,5 km | Éxito | |
13 | 13 de outubro de 2020 | NS3, RSS H. G. Wells | 107,0 km | Éxito | |
14 | 14 de xaneiro de 2021 | NS4, RSS First Step | 107,0 km | Éxito | |
15 | 14 de abril de 2021 | NS4, RSS First Step | 107,0 km | Éxito | |
16 | 20 de xullo de 2021 | NS4, RSS First Step | 107,0 km | Éxito | Primeiro voo tripulado: Jeff Bezos, Mark Bezos, Wally Funk e Oliver Daemen. |
17 | 25 de agosto de 2021 | NS3, RSS H. G. Wells | 105,8 km | Éxito | |
18 | 13 de outubro de 2021 | NS4, RSS First Step | 107,0 km | Éxito | Segundo voo tripulado: Chris Boshuizen, Glen de Vries, William Shatner e Audrey Powers. |
19 | 11 de decembro de 2021 | NS4, RSS First Step | 107,0 km | Éxito | Terceiro voo tripulado: Lane Bess, Cameron Bess, Evan Dick, Laura Shepard Churchley, Michael Strahan e Dylan Taylor. |
20 | 31 de marzo de 2022 | NS4, RSS First Step | 107,0 km | Éxito | Cuarto voo tripulado: Marty Allen, Sharon Hagle, Marc Hagle, Jim Kitchen, George Nield e Gary Lai. |
21 | 4 de xuño de 2022 | NS4, RSS First Step | 107,0 km | Éxito | Quinto voo tripulado: Katya Echazarreta, Hamish Harding, Evan Dick, Victor Correa Hespanha, Jaison Robinson e Victor Vescovo. |
22 | 4 de agosto de 2022 | NS4, RSS First Step | 107,0 km | Éxito | Sexto voo tripulado: Coby Cotton, Mário Ferreira, Vanessa O'Brien, Clint Kelly III, Sara Sabry e Steve Young. |
23 | 12 de setembro de 2022 | NS3, RSS H. G. Wells | 11,4 km | Fallo | Voo non tripulado. Fallo do motor, causando o impacto do foguete contra o solo. A cápsula recuperouse sen danos. |
24 | 19 de decembro de 2023 | NS4, RSS H. G. Wells | 107,0 km | Éxito | |
25 | 19 de maio de 2024 | NS4, RSS First Step | 106,0 km | Éxito | Sétimo voo tripulado: Kenneth Hess, Sylvain Chiron, Mason Angel, Ed Dwight, Carol Schaller e Gopi Thotakura. |
26 | 29 de agosto de 2024 | NS4, RSS First Step | 105,3 km | Éxito | Oitavo voo tripulado: Ephraim Rabin, Nicolina Elrick, Eugene Grin, Rob Ferl, Karsen Kitchen e Eiman Jahangir. |
27 | 23 de outubro de 2024 | NS5, RSS Kármán Line | 101,0 km | Éxito | |
28 | 22 de novembro de 2024 | NS4, RSS First Step | 107,0 km | Éxito | Noveno voo tripulado: Emily Calandrelli, Sharon Hagle, Marc Hagle, Austin Litteral, James Russell e Henry Wolfond. |
29 | 4 de febreiro de 2025 | NS5, RSS H. G. Wells | 105,3 km | Éxito | |
30 | 25 de febreiro de 2025 | NS4, RSS First Step | 106,3 km | Éxito | Décimo voo tripulado: Lane Bess, Jesús Calleja, Tushar Shah, Richard Scott, Elaine Chia Hyde e Russell Wilson. |
31 | 14 de abril de 2025 | NS5, RSS RSS Kármán Line | 106 km | Éxito | Undécimo voo tripulado: Aisha Bowe, Amanda Nguyen, Gayle King, Katy Perry, Kerianne Flynn e Lauren Sánchez. |
Deseño
[editar | editar a fonte]
O New Shepard é un vehículo completamente reutilizable de engalaxe e aterraxe vertical (VTVL polas súas siglas en inglés) composto de dúas partes principais: unha cápsula presurizada capaz de levar tripulación humana e un foguete lanzador, ás veces denominado módulo propulsor.[12] É autónomo, controlado polos ordenadores de a bordo sen intervención por parte do control de terra[6] nin por pilotos humanos.[30]
Foguete lanzador
[editar | editar a fonte]O foguete está propulsado por un motor BE-3PM con control vectorial e alimentado por osíxeno líquido e hidróxeno líquido.[31] Varias aletas na parte inferior estabilizan o foguete durante o ascenso, guiando o foguete cara a plataforma de lanzamento no descenso a velocidades de ata Mach 3. O anel e as aletas da parte superior proporcionan estabilidade aerodinámica e reducen o consumo de propelente durante o descenso, usándose durante o mesmo freos aerodinámicos para reducir a velocidade.[32] A tobeira dirixible e as aletas posteriores traballan conxuntamente para dirixir o foguete usando actuadores hidráulicos.[33]
Cápsula tripulada
[editar | editar a fonte]A cápsula está presurizada e deseñada para levar ata seis persoas. Leva un sistema de escape que pode separala do foguete en calquera momento do lanzamento. O foguete do sistema de escape é de propelente sólido e está fabricado por Aerojet Rocketdyne.[34] O volume interior da cápsula é de 15 m3 e contén seis ventás, seis asentos reclinados e agarradeiras para poder moverse en microgravidade.[32] No centro da cápsula hai un cilindro que acolle o sistema de escape.[35] Despois da separación do foguete despréganse tres paracaídas para facer unha aterraxe suave. En caso de fallo, a cápsula aínda pode aterrar cun so deles. Xusto antes de tocar terra un sistema de retropropulsión na parte inferior da cápsula expulsa nitróxeno gasoso para freala en 3,2 km/h.[36] Durante o impacto, un anel de 14 cm de alto no baixo da cápsula se comprime para absorber a forza do choque.[37]
Perfil de voo
[editar | editar a fonte]O New Shepard lánzase a 48 km de Van Horn, Texas, no Launch Site One (LS1), e voa de maneira propulsada durante 110 segundos ata unha altura de 40 km. Foguete e cápsula continúan ascendendo por inercia, chegando a un apoxeo xusto por enriba da liña Kármán, a 100 km de altura. Preto desta altura a cápsula sepárase do foguete, que regresa a terra para aterrar de maneira propulsada na plataforma de aterraxe, despregando as súas catro patas. A cápsula tripulada descende despois baixo tres paracaídas. A cápsula pode separarse tamén en caso de avaría do foguete ou outras emerxencias usando o seu propulsor de propelente sólido e aterrando logo cos paracaídas. A duración total do voo do foguete é duns 7 minutos, mentres que o da cápsula é duns 10 minutos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 Mark Wade (2025). "New Shepard" (en inglés). Consultado o 9 de febreiro de 2025.
- ↑ New Space Economy (ed.). "Human Spaceflight Launch Service Providers 2022" (en inglés). Consultado o 12 de febreiro de 2025.
- ↑ SpaceFellowship, ed. (2 de xaneiro de 2007). "Blue Origin Flight Test Update" (en inglés).
Our first objective is developing New Shepard, a vertical take-off, vertical-landing vehicle designed to take a small number of astronauts on a sub-orbital journey into space. On the morning of 13 November 2006, we launched and landed Goddard – a first development vehicle in the New Shepard program.
- ↑ Lindsay, Clark (22 de outubro de 2012). NewSpace Watch, ed. "Blue Origin carries out crew capsule pad escape test". Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2021. Consultado o 16 de febreiro de 2025.
- ↑ Leone, Dan (29 de outubro de 2012). Space News, ed. "Blue Origin Wraps Up Commercial Crew Work with Escape System Test". Consultado o 16 de febreiro de 2025.
- ↑ 6,0 6,1 Foust, Jeff (13 de abril de 2015). "Blue Origin's suborbital plans are finally ready for flight".
We've recently completed acceptance testing, meaning we've accepted the engine for suborbital flight on our New Shepard vehicle, [the end of a] very, very long development program [of] 450 test firings of the engine and a cumulative run time of more than 500 minutes. The completion of those tests sets the stage for Blue Origin to begin test flights of the vehicle later this year at its facility in West Texas [where they] expect a series of flight tests with this vehicle ... flying in autonomous mode... We expect a series of dozens of flights over the extent of the test program [taking] a couple of years to complete.
- ↑ Foust, Jeff (21 de abril de 2015). Space news, ed. "Blue Origin To Begin Test Flights Within Weeks".
- ↑ Berry, Stephanie (29 de marzo de 2017). NAA, ed. "Blue Origin New Shepard to Receive the 2016 Robert J. Collier Trophy" (PDF).
- ↑ 9,0 9,1 Berger, Eric (9 de marzo de 2016). "Behind the curtain: Ars goes inside Blue Origin's secretive rocket factory".
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 Richard Tribou (12 de setembro de 2022). Orlando Sentinel, ed. "FAA grounds Blue Origin New Shepard after emergency abort during launch".
- ↑ Bezos, Jeff (27 de abril de 2015). Blue Origin, ed. "First Developmental Test Flight of New Shepard". Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2015.
- ↑ 12,0 12,1 Foust, Jeff (30 de abril de 2015). Space News, ed. "Blue Origin's New Shepard Vehicle Makes First Test Flight".
- ↑ Marcia Dunn (19 de xullo de 2018). Associated Press, ed. "Jeff Bezos' Blue Origin launches spacecraft higher than ever".
- ↑ 14,0 14,1 Blue Origin enlarges New Glenn’s payload fairing, preparing to debut upgraded New Shepard, Caleb Henry, SpaceNews, accessed 15 September 2017.
- ↑ 15,0 15,1 Foust, Jeff (19 de abril de 2018). SpaceNews, ed. "Blue Origin expects BE-4 qualification tests to be done by year's end".
- ↑ GeekWire, ed. (13 de decembro de 2017). "Jeff Bezos says Blue Origin gives test dummy 'a great ride' on New Shepard suborbital spaceship".
- ↑ Foust, Jeff (19 de decembro de 2017). SpaceNews, ed. "Blue Origin a year away from crewed New Shepard flights".
- ↑ Clark, Stephen (29 de abril de 2018). Spaceflight Now, ed. "Video: Blue Origin flies New Shepard rocket for eighth time".
- ↑ Bartels, Meghan (20 de decembro de 2019). Space.com, ed. "Blue Origin Delays Next New Shepard Launch to Early 2019".
- ↑ New Shepard makes 10th launch as Blue Origin aims to fly humans late in 2019. Eric Berger, Ars Technica. 23 de xaneiro de 2019.
- ↑ Newton, Laura (24 de agosto de 2021). NASA, ed. "NASA Technologies Slated for Testing on Blue Origin's New Shepard".
- ↑ NASASpaceFlight.com, ed. (12 de setembro de 2022). "New Shepard suffers in-flight abort on uncrewed NS-23 mission".
- ↑ Jackie Wattles (7 de xuño de 2021). CNN, ed. "Jeff Bezos is going to space".
- ↑ Wall, Mike (4 de outubro de 2019). space.com, ed. "Blue Origin Probably Won't Launch People to Space This Year".
- ↑ Burghardt, Thomas (14 de xaneiro de 2021). NASAspaceflight.com, ed. "Blue Origin tests New Shepard capsule upgrades on NS-14 mission".
- ↑ The New York Times, ed. (13 de outubro de 2021). "William Shatner Completes Trip to Space Aboard Blue Origin Rocket".
- ↑ https://www.smithsonianmag.com/smart-news/historic-new-shepard-rocket-booster-and-crew-capsule-will-go-on-display-at-the-air-and-space-museum-180985265/
- ↑ Stimac, Valerie (23 de outubro de 2022). Forbes, ed. "Blue Origin Completes 27th Mission With New Human-Rated Vehicle".
- ↑ Sharp, John (8 de outubro de 2024). NASASpaceFlight.com, ed. "Launch Roundup: Starship to fly? Europa Clipper - Hurricane delays, Falcon 9s on hold" (en inglés).
- ↑ Boyle, Alan (5 de marzo de 2016). GeekWire, ed. "Jeff Bezos lifts curtain on Blue Origin rocket factory, lays out grand plan for space travel that spans hundreds of years".
- ↑ Blue Origin (ed.). "BE-3: Making History".
- ↑ 32,0 32,1 Blue Origin (ed.). "New Shepard".
- ↑ JASC, ed. (7 de outubro de 2016). "New Shepard Space Vehicle Makes Fifth Flight".
- ↑ SpaceRef.com, ed. (6 de outubro de 2016). "Aerojet Rocketdyne Motor Plays Key Role in Successful Blue Origin In-Flight Crew Escape Test".
- ↑ Cofield, Calla (18 de abril de 2017). Space.com, ed. "Aboard Blue Origin's New Shepard: My Imaginary Journey to Space".
- ↑ "Record of Safety".
- ↑ Cofield, Calla (21 de xullo de 2016). "Blue Origin's Crew Capsule Aced Parachute-Failure Test, Jeff Bezos Says".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: New Shepard |